eventos e cidades (un)
9 09UTC Febreiro 09UTC 2010 at 10:00 am (cidade) (barcelona, catalunya, evento, psc, xogos olímpicos)
andivo revolto o galiñeiro [autodenominado] socialista español. a causa foi o anuncio inesperado e sorpresivo por parte de Jordi Hereu, alcalde de Barcelona, da candidatura que quere presenta-lo Ajuntament para os Xogos Olímpicos de Inverno de 2022, para os que as cidades aragonesas de Jaca e Zaragoza presenta candidatura conxunta.
dende os Ayuntamientos de Jaca e Zaragoza e o goberno autónomo de Aragón -todos os tres en mans do PSOE- protéstase pola falta de oportunidade deste anuncio despois de que hai tres anos a candidatura de Jaca non colleitase o éxito agardado. mentres, o PSC da cidade de Barcelona rexeita facer declaracións.
en 1986 era Pasqual Maragall quen ocupaba a alcaldía da capital catalá e, nun contexto socieconómico ben diferente a nivel local e nacional, como a nivel do Estado, se presentou unha candidatura para a celebración dos Xogos Olímpicos de Verán de 1992. a maiores de ser unha das convocatorias máis celebradas da historia recente dos xogos, Barcelona aproveitou a oportunidade para cambia-lo modelo de cidade. boa parte deste cambio pode resumirse nunha revisión do reparto da fronte marítima da cidade entre as distintas forzas que precisan del.
non nos confundamos. o Port de Barcelona e as industrias da súa contorna seguen a estar en Barcelona, mais a industria e o porto xa non monopolizan a fronte marítima, senón que a comparten cos espazos públicos que dan servizo á cidadanía -parques e praias- e con bairros novos da cidade.
o suceso do evento e dos cambios urbanos en Barcelona son por todos coñecidos, e amplamente -que non unanimemente- recoñecidos a nivel global por expertos. e que fixeron os sucesores no cargo de Pasqual Maragall? Joan Clos, alcalde entre 1997 e 2006 organizou outro evento planetario que moito prometía pero pouco deixou para a cidade e os cidadáns.
e que fai o sucesor deste? pois ao Jordi Hereu non se lle ocorre máis cousa que presentar candidatura para outros xogos, estes de inverno, máis cativos, como máis cativa é a súa figura política canda a de Maragall.
é aventurado pensar que os sucesores de Maragall na alcaldía pensan que cada alcalde de Barcelona ten a obriga de organizar na cidade un evento planetario? é que as cidades viven dos eventos? máis ben todo o contrario.
un evento pode ser unha oportunidade para facer cambios nunha cidade, mais unha cidade non precisa dos eventos para cambiar de cabo a rabo e a cidade, como continua sucesión de grandes eventos perde a súa razón de ser. a cidade como sucesión continua e ininterrompida de eventos deixa de lado aos cidadáns, á sociedade que lle da sentido e convértese nun macro-recinto feiral, nunha cidade xenérica das de Rem Koolhaas.
Bilbao foi quen de se reinventar como cidade sen necesidade de albergar unha expo ou unhas olimpiadas. como? con planeamento, con estratexias, con creatividade e con vontade colectiva. o museo da fundación guggenheim non é máis que unha peza, importante, necesaria e mesmo imprescindíbel dese crebacabezas. pero non suficiente, ollo. o Guggenheim Bilbo Museoa é ao novo Bilbao do século XXI o mesmo que o clásico logotipo é á empresa CocaCola.
é antes o ovo ou a galiña? trouxo o museo o “efecto guggenheim” ou o museo é a face visíbel, a imaxe do “efecto guggenheim”?
nota final: quen estea pensando que se pagou a pena hipotecar boa parte do presuposto basco de cultura, ben paga a pena enterra-los cartos no complexo do Gaiás é que non entendeu nada.