non teñen nin un peso…
…ou iso di ela.
Gloria Lago pasou pola redacción do Xornal e deixou, coma adoita acontecer cando se rexistra o que fala, unhas cantas perlas. Desas que as mulleres do seu grupo social -ideoloxías aparte- penduran dos lóbulos das orellas a modo de adorno.
Para Gloria Lago a opinión dos sociolingüistas galegos non tiña razón de ser nas xornadas da Deputación de Pontevedra que GB axudou a organizar. Para que queremos sociolingüistas nun seminario que se chamaba “Jornadas Bilingües/Xornadas Bilingües” Ben sabe toda a xente de ben que o bilingüismo non é fenómeno de estudo dos sociolingüistas, que se adican ao estudo das interaccións sociais da lingua, coma por exemplo o cunnilingus, as lambetadas ou o que coloquialmente coñecemos como beso de tornillo.
“Eu fun bilingüe en inglés e español, pero non todo o mundo está capacitado. Os nenos non son esponxas…”
Acabáramos. Resulta que Gloria Lago, é un ser superior ao común dos mortais. Non sei se o que a fai superior é o feito de encabezar un movemento cívico etnocida, o ter asistido a un colexio bilingüe ou é cousa sen máis de ser de Vigo.
Ben se sabe que non todo o mundo está capacitado para ser bilingüe. Sei de máis de un que botou trinta anos na Alemaña e non aprendeu máis de media ducia de palabras xermanas. Vaia sociedade galega de débiles mentais!!
O de que os nenos non son esponxas… non hai máis que se pasar por calquera zona do copas galega para ver que está moi trabucada. Os nenos, ou máis ben adolescentes, sonche bastante esponxas. Se cadra ela, políglota como é, despois dunha noite de botellón acababa cantantando o himno galego puño en alto e en inglés…
Agora en serio. Os nenos son esponxas. Está cientificamente demostrado e xa se ve como aprenden o corán de memoria en certos países, o nome dos pokemon noutros, e antano a lista de reis godos. A todos os que pensan que os nenos non son esponxas, mandábaos cos corenta anos cumplidos a facer un curso de segundo da eso, a ver se aprobaban algunha.
“A lingua é un vehículo, non é o mesmo dicir ‘salta, dá unha volta, que tal estades’ que Platón.”
Isto retrotráeme a uns meses atrás. Por cousas que non veñen ao caso participei con outros colegas nunha cea-tertulia cun convidado de Ciudadanos. Non lle lembro o nome, pero era un arquitecto de orixe vasca e militante da agrupación madrileña do partido. E cito textualmente:
“El euskera es una lengua que sirve para hablar con las obejas, pero no para la universidad.”
Así que GB descúbrese e insinúa cando menos que o galego non é lingua para explica-la historia da filosofía. Que máis cousas non se poden explicar en galego?
“É o mesmo que obrigarlle a un señor a rotular en galego a súa tenda. Eu téñome paseado por Londres e vin tendas rotuladas en árabe, e ninguén lles pon unha multa.”
Seguen coa súa teima de dar unha imaxe distorsionada da realidade galega, que é que non hai ningunha norma nin lei que promocione o rotulamento en galego dos comercios, e moito menos que multe o rotulamento en castelán. [Tampouco a hai en Catalunya como certos medios nos quixeron facer crer pensando que eramos parvos].
En canto ao detalle de Londres… non coñezo moito Londres, mais sinalar que o pijerío repelente madrileño pasa por alto que a cadea de restaurantes italianos Gino’s [pertencente ao grupo de hostalería vips] teña os nomes dos pratos da carta en italiano, mentres que se van de viaxe a Barcelona solicitan carta en castelán se lla dan en catalán. Eles non teñen por que saber que significa mongetas amb butifarra, non si?
Despois de sinalar que gostaría dun cambio na Lei de Normalización Lingüística [toma nota, alberto] vai e solta:
“E se a un señor que vive en Galicia lle peta vestir coma un hindú, non é galego? Ao mellor, é mellor galego ca outros porque non queima os montes.”
Se non a fixeron xa, agardo que os de Sei o que… amañen un Citas Célebres, porque é que non ten desperdicio. Anda preto de aquela de maría jiménez:
E inmediatamente despois:
“No PP hai de todo; xente que pensa que é galeguista pero é nacionalista.”
Manda truco na Habana!!
Nacionalistas españois quererá dicir, coma os que van ás súas manifas, porque os outros eu ver non os vin nunca.
Para rematar:
“Non o podo demostrar, pero hai pais que non se atrevían a poñer só en castelán por se lles abrían o sobre.”
Isto a min dáme a entender que se está a estender unha especie de Síndrome de Cospedal [tiro la piedra y escondo la mano]. O que pasa é que a redacción de Xornal non ten o glamour da praia de Marbella. Quen vería a Gloria Lago na praia de Samil ou no paseo marítimo de Baiona falando da conspiración dos sobres abertos…
Entrementres eu quedo con aqueles magníficos vídeos dos de Sei o que… resumindo a manifa de GB do inverno pasado. Non se ha repetir, non ho! Mentres non veñan eleccións.
http://seioque.com/index.php/ecramcaro/sunday-pottery-sunday-the-movie
que país queremos? (un)
O noso país, o noso pobo, desfruta dende os anos oitenta dunha certa autonomía política. Xulgada suficiente ou insuficiente, non deixa de ser unha ferramenta para poder tomar decisións efectivas sobre o futuro de Galicia, o futuro da casa de todos.
E fixemos tal en trinta anos de autonomía?
Semella que si. Pouco pero si.
Non houbo nembargantes un plano a longo prazo sobre que país queremos os galegos. Como queremos que sexa a Galiza de 2020, de 2050, de 2100.
Non houbo máis que parches para arranxar ou conter problemas puntuais.
Poñémonos en situación.
A Galiza é un país de 30 000 km cadrados e poboado por case 2 800 000 cidadáns. Isto nos deixa unha densidade de poboación de 91 habitantes por quilómetro cadrado, aproximadamente a mesma que o estado español. Ademais máis da metade da superficie do país ten unha densidade de poboación de menos de 50 habitantes por quilómetro cadrado e unha taxa de crecemento vexetativo negativa.
Deberiamos concentrar esforzos en ser un país máis denso ou deixarnos levar e ser un país menos denso? Queremos ser unha Holanda ou unha Noruega? Quédanos suficiente superficie de alto valor ecolóxico como para que nos compense converternos nun paraíso coma a Irlanda ou temos transformado tanto o noso entorno que só nos queda seguir a transformalo no noso proveito?
Se queremos ser unha Holanda (402 habitantes por quilómetro cadrado) ou unha Bélxica (345 habitantes por quilómetro cadrado) será imprescindíbel un plano de desenvolvemento industrial importante, inxectar cartos na investigación e o desenvolvemento, urdir unha máis densa rede de infraestruturas de transporte, especialmente ferroviarias. Mais sobor de todo é necesario aumenta-la nosa poboación, fomentando a natalidade e atraendo a inmigración que non ten a Galiza como destino preferente dentro do Estado -atraendo á inmigración lusófona se pode ser-.
As nosas cidades actuais non serán quen de absorber todo ese crecemento, que desbordará A Coruña e Vigo afectando a cidades medianas coma Redondela ou Vilagarcía. Estas novas cidades requirirán ao seu tempo servizos de altas prestacións coma complexos hospitalarios, campus universitarios, etc. Un eixo atlántico galego de máis de dous millóns de habitantes poida que incluso xustifique a oculta intención da Xunta dunha autovía paralela á AP9, así coma trens de conexión a cada media hora e redes de proximidade arredor dos núcleos máis densos, A Coruña, Vigo e Santiago.
E o interior? Non quedaría libre deste aumento de poboación. Coa maior urbanización do Eixo Atlántico, prepárense Ulloa e compañía a un aumento da presión inmobiliaria por mor das segundas residencias da clase media galega, que buscará fuxir nos veráns ou nas fins de semana as máis tranquilas terras do interior. Se ás clases medias do interior se lles vende a casa da praia, aos urbanitas atlánticos da Galiza dos catro ou cinco millóns hásenos vender a Casa da Aldea. Pareado a dez minutos de Monterroso con vistas á campiña, tres dormitorios, garaxe, barbacoa e parcela de cincocentos metros cadrados.
E as rías? Haberá que ser coidadoso para que os conflitos entre o seu aproveitamento para o marisqueo e a acuicultura, para o transporte de bens e persoas e para fins industriais. O turismo, interno e externo, chegará tamén ás rías altas convertendo Ortigueira ou Viveiro nos Sanxenxos do Norte. O noso literal haberá de sufrir ademais novas modificacións para instalar medios de aproveitamento da enerxía (ondas, mareas, vento) que complementen as existentes.
Doutra volta, podemos querer ser unha Noruega (15 habitantes por quilómetro cadrado) ou unha Irlanda (62 habitantes por quilómetro cadrado) Deberemos desmantelar parte da nosa industria, aquela con menor taxa de rendemento fronte a deterioro medioambiental. Haberá que desmantelar tamén algúns dos nosos 35 000 núcleos de poboación e facer minguar as nosas cidades, revertindo recentes expansións.
No interior será necesario un plano para converter en áreas polo seu valor etnográfico e natural grandes desertos demográficos. Comarcas enteiras poden ficar cunha poboación ridícula o que as relegará ao turismo paisaxístico ou á caza vixiada. A metade da superficie do noso país (ou se cadra máis) gozaría dalgunha clase de protección etnográfica ou medioambiental.
O descenso de poboación tamén faría innecesaria (xa o é en boa parte) a meirande parte das instalacións de produción de enerxía eléctrica, co que posibelmente o entendemento ditase desfacernos das máis contaminantes. O despoboamento de Galiza podería facer desaparecer a central das Pontes e outros indesexables cos que temos que convivir hoxe en día. Ademáis moitas das nosas infraestruturas carecerían de sentido e habería que dalgún xeito reciclalas. Algunhas autovías das máis novas por exemplo manifestaríanse completamente innecesarias. O mantemento de tres aeroportos para menos de dous millóns de habitantes sería simplemente inadmisíbel.
Dun xeito ou doutro, precísase un acordo nacional que leve á elaboración dun plano que determine cal destas situacións é a que queremos para o nosos futuro e en que liñas temos que traballar. As dúas teñen argumentos a favor e en contra, e as dúas afrontan de xeito radical o problema cronicamente sen resolver do noso territorio. O que máis claro queda é que o noso país non pode continuar sen un marco global que defina os parámetros que regulan o noso territorio.
autoestradas e berberechos
esta semana presentou feijóo non sei que plano de infraestruturas.
resulta que ese plano de infraestrutras se basea en construir máis vías de altas prestacións [autoestradas e corredores], 0 km de liñas de ferrocarril, ningunha clase de intención de aborda-los problemas de tránsito nas zonas dénsamente poboadas do eixo atlántico.
q hai do ferrocarril de proximidade? do metro na coruña e en vigo? por non falar das eivas que ten o transporte coletivo [ferroviario e non ferroviario]. zonas das periferias das cidades nas queos autobuses pasan cada hora [cando cadra].
todo na mesma semana que se anuncia que a empresa que une con transbordadores as dúas beiras da ría de vigo vai deixar de viaxar a moaña e quere reducir frecuencioas a cangas.
malia todo, a estrela de toda esta lea infraestrutural é a ponte sobre a ría de muros e noia. un xigante de quilómetro e pico que ameaza con botar limo enriba do banco marisqueiro de berberecho meirande da península.
será o prezo que temos que pagar por cruza-la ría en cinco minutos menos, non si?
ou é que feijóo e o seu conselleiro de… bueno, é conselleiro de tantas cousas que quen se lembra de todas!? digo que se estarán ofrecidos a algunha virxe e non comen xa berberechos.
ou peor aínda. será que nesta febre desgaleguizadora non chega con entrega-las caixas, deturpa-la toponimia e esmagar o idioma senón que tamén cómpre españoliza-la nosa gastronomía? seica imos cambia-los berberechos e o polvo polo cocido madrileño?
que opinarán en galicia bivalva? http://libertinajelinguistico.blogspot.com/
xa ven da era fraga unha especie de obsesión co asfalto que supoño que vai paralela á obsesión pola comida que desenvolveu toda a xeración que pasou fame na posguerra [ou non son estes os que teñen botado a andar as mil e unha festas gastronómicos do noso país].
supoño que o illamento asfáltico que sufriu o noso país dende que o asfalto é asfalto fixo que agora sobrevaloremos estradas e autovías. países ben mais desenvolvidos ca o noso [noruega sen ires máis lonxe] teñen unha rede viaria ben máis primitiva e non lles pasou nada.
o máis grave ademáis é que non semella que se tomen medidas para mellora-la acesibilidade nas zonas máis densamente poboadas. trinta anos despois a AP9 segue tendo peaxes, é dicir, atrancos onde parte dos usuarios perde agardando para pagar os dez minutos que aforrou collendo a autoestrada. as frecuencias ferroviarias no eixo atlántico seguen a ser ridículas e moitos dos trens que as cobren, de xoguete. os autobuses de proximidade teñen unha fiabilidade propia de país dos balcáns [sen ánimo de ofender].
mais xa se sabe.
hai anos, penso que durante un goberno aznar, un directivo de FEVE presentou un informe no que afirmaba que o custo de transporte do carbón que se queimaba nas térmicas era o seguinte:
unha metade cubría o percorrido dende o corazón dos estados unidos ata os portos galegos [coruña e ferrol, supoño] e a outra metade o traxecto en camión dende o porto á central.
mete medo non si? o directivo barría para a casa e afirmaba que cuns poucos quilómetros de vía férrea podçiase minimiza-lo custo desa segunda metade. que fixeron?
gaseárono
evaporárono
neutralizárono
non se volveu saber del
coma os que se metían con stalin:
o seu corpo foi a siberia
e toda pegada da súa existencia foi borrada con photoshop [pincel corrector e tal, xa sabedes]
comede berberechos, aínda q sexa en lata, mentres poidades.
vaia semaniña
comezamos ben, non si?
refírome á semana que a sociedade galega lle “regalou á súa lingua”.
a consellaría de educación anuncia as axudas aos lirbos de texto en castelán, dentro de espazos radiofónicos de información sobre galiza e en galego.
carlos negreira, cabeza visíbil do PP provincial da coruña xulga que a desnormalización lingüística vai lenta de mais. reclama readmisión do topónimo La Coruña (diría nunca tal se viu de non térmolo precedente do ilmo. embaixador de españa na santa sé) e máis a reforma da Lei de Normalización Lingüística.
o PP de vigo reclama que se poidan presentar iniciativas parlamentarias en castelán no consistorio proque e que por tanto as linguas oficiais do concello sexan castelán e galego. vaia, vaia; pensa un; resulta que a lingua oficial de vigo era só o galego. en que universidade fixeron esta xente o seu master de manipulación da cidadanía??
se así foi a primeira semana de curso para o galego non quero nin pensar no que está por vir. se cadra o pasado 17 de maio de 2009 foi o derradeiro día das letras galegas. se cadra este 25 de xullo foi o derradeiro Día de Galicia.
nementres recomendo a todos, bilingües, homolingües, heterolingües e translingües un artigo ben interesante de Pablo Gamallo en vieiros, sobre o mito erótico de Galicia Bilingüe: o sistema educativo finés. non ten desperdicio.
http://www.vieiros.com/columnas/opinion/961/a-finlandia-o-mito-erotico-de-galicia-bilingue-e-do-galeguismo
a próxima irá sobre aeroportos e autovías, que un xa se cansa de escribir só sobre o propio idioma no que escribe.
telegaita e a utilidade do galego
a miúdo escóitase respeito de linguas de uso minoritario, coma o galego ou o euskera
“y para quñé sirve el gallego?” “el euskera, total, no sirve para nada”
pregúntome se algún dos 300.000 cidadáns da islandia se fai a pregunta correspondente…
na galiza correspóndenos responder con outra pregunta, ou preguntas
>para que serven tódolos cadros do museio do Prado?
(que dan cartos? máis cartos da o museo del real madrid e non hai cadro ningún)
>para que serve a poesía?
>para que serve a cabalgata de reis?
>para que serve o senado?
haivos ao parecer moitas cousas que non serven para nada, logo, de ser o galego unha delas por que habiamos de nos desprender dela?
pero para min non é ese o tema. para min a resposta é que o galego serve para moitas cousas.
para o demostrar cun exemplo sinxelo tomeime a molestia de analisa-la programazón dunha canle autonómica collida ao chou de entre as das comunidades castelán falantes. tocoulle a castilla la mancha televisión [cmtv de eiquí en diante].
durante un día collido ao chou, é dicir, 24 horas de emisión, cmtv emite 7 horas 14 minutos de televisión de produción propia. cómpre destacar que deste tempo 1 hora e 15 minutos son repetición dun programa xa emitido ese mesmo día e media hora corresponde a cifras y letras, programa que se produce en conxunto para tódalas canles autonómicas [de feito o noso paco lodeiro de cifras e letras o apresenta tamén para telemadrid, ou cmtv]
durante ese mesmo día, a televisión de galicia [a primeira canle] emitiu nada menos que 15 horas e 45 minutos de produción propia. se ben destas, 4 horas e media eran repeticións, o eran de programas fóra da grella televisiva nesas datas.
tamñen hai que se fixar na calidade, non soio na cantidade. das seis horiñas [quitando repeticións] de producion propia que emite cmtv arredor da metade son informativos, mentres que na galega houbo ese día 8 horas de emisión de programas de produción propia aparte dos servixzos informatios, é dicir: magacines, documentais, entretemento…
a que credes que se debe esta diferenza?
a mancha é unha rexión cunha riqueza similar ou meirande ca galiza, e fóra da tv autonómica élle ofrecida a mesma oferta televisiva que a nós.
non será a lingua propia o que marca a diferencia?
cántos millóns de euros move o feito de termos que crear contidos en galego para a televisión de galicia?
canta riqueza ten xerado o feito de se emitir na tvg 24 horas de tele en galego?
tradutores, guionistas, produtoras, dobladores, asesores lingüísticos, xornalistas …
á pregunta de se é útil o galego ten resposta sinxela. o galego sérvenos para termos na galiza unha industria cultural forte e potente: produtoras de medios audiovisuais, editoriais e un longo etcétera.
ou cantas editoriais manchegas me podedes nomear?
a industria cultural galega ten que ser un dos nosos maiores tesouros, e debera recibir tódolos apoios posíbais do goberno galego.
sr feijóo, en referencia as súas palabras nas que convidaba aos escritores en língua galega a se abrir ao castelán do mesmo feito que joyce escribera en inglés no canto de emprega-lo gaélico [neste senso remñitome á contestación que lle deu ferrín no faro de vigo, non hai máis que dicir
(http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009072500_5_352000__Opinion-Exasperacion-galegofoba)],
penso que ése non é o problema.
os escritores en lingua galega teñen que seguir a escribir en língua galega. o que si, a idustria editorial de galiza debera toma-la iniciativa e ser ela quen traduza ao castelán e ás demáis linguas do estado.
por qué non poden ser as propias xerais e galaxia as que publiquen en castelán aos nosos autores que tanto se traducen. Kalandraka de pontevdra xa o fai. edita libros fermosos para cativos -e non tan cativos- en galego castelán catalán e euskera. pódeselles ver na feira do libro de madrid cun posto ateigado de libros de cores detrás dunha morea de nenos capitalinos que turran de seus pais para que solten os cartos que, ao cabo, virán parar á galiza.
ese semella un camiño máis axeitado, non si?
prótese epéntese paragoxe (dous)
todo o anterior vén porque o tema que penso que ben abrirá este blogue é a publicazón dos resultados da enquisa.
é curioso.
penso que a primeira cousa palpábel que ten feito a xunta de feijóo… digo mal. máis ben a segunda, a primeira foi quitarlle o programa talk show a piñeiro o do supermartes, mais esa é outra historia aínda que moi relacionada con esta.
dicía que a primeira cousa que ten feito esta xunta é engadir unha nova palabra ao idioma castelán. a palabra enquisa. antes no castelán existía a palabra encuesta, homóloga de enquisa en galego.
enquisa en castelán non é sinónimo de encuesta. como recollerá o próximo drae (diccionario de la real academia española)…
enquisa (del gallego enquisa) sust. f.s. 1.- Encuesta que se realiza en el ámbito de la enseñanza a los padres de los alumnos ó, en su defecto, a los propios alumnos, para conocer sus preferencias en lo que se refiere a la lengua vehicular en que se imparten las materias.
dicídeme que nestas últimas semanas nas que a enquisa de marras foi tema de conversa se non oístes unha e outra vez a palabra enquisa en castelán. que viva se nos amosa a lingua de cervantes!
a nosa lingua nembargantes preocúpame un pouco. velaí van os datos que me chamaron a atención.
só un 58% dos pais tomaron a molestia de contesta-la enquisa.
ao parecer -disto non facilitou datos anxo lorenzo- a participazón foi oi alta no ensino privado e moi baixa no ensino público.
máis da metade dos pais de alumnos de secundaria [12 a 17 anos] non contestaron a enquisa.
máis dun 60% dos pais enquisados se relaciona só en castelán ou case só en castelán cos seus fillos.
unha porcentaxe semellante de pais consideran que o ensino dos seus fillos debe ser en castelán ou maioritariamente en castelán.
eu conclúo.
a maioría dos estudantes cuxos pais cubriron a enquisa teñen un défice de galego -ao non o empregar na casa- mais os seus pais non teñen maior interes en que se corrixa, ao considerar que a formación de seus fillos debe ser en castelán.
[lémbrome dun colexio vasco que hai ben tempodividiu aos seus alumnos sgundo lingua vehicular. os que na súa casa falaban euskera daban clase en castelán e os que na súa casa falaban castelán daban clase en euskera. claro é que contexto que deu lugar a esa medida de caracter transitorio nunca tivo lugar en galiza]
menos mal que soio son o sesenta por cen do sesenta por cen que cubriu a enquisa… canto é o sesenta por cen do sesenta por cen?
36%
é moito. coincido con anxo lorenzo en que a política lingüística desenvolvida ata o momento non deu ningún resultado positivo. a propia enquisa -o feito de facela e o resultado obtido- é proba. mais é co pouco que podo coincidir co secretario xeral.
e galicia bilingüe? que di disto?
semella que aínda non se pronunciou.
eu non perdo o tempo en me pronunciar. o ano que vén o plano de estudos programa “electrotecnia, luminotecnia y comunicación” vou suxerir á xefatura de estudos da faculdade que faga unha enquisa aos nosos pais, a ver a cantos lles parece ben substituíla por “grandes fitos da historia da televisión de galicia, do Luar ao Padre Casares“, que eu atopo ben máis interesante.
prótese epéntese paragoxe (un)
iste ía ser nun principio o título deste blogue, mais logo viume á mente unha cantiga preciosa dos Arcade Fire e todo semella ronda-lo mesmo.
The Aracde Fire, os arcade para os amigos, son un grupo da cidade de Montréal.
os arcade son un grupo bilingüe xa que algunhas das súas cantigas están en inglés e outras en frnacés.
os arcade son un grupo bilingüe porque algúns dos seus membros son falantes de inglés e outros falantes de francés.
os arcade non podían senon ser un grupo bilingüe porque son de Montréal, a cidade bilingüe do canadá.
montréal é cidade bilingüe porque nila conviven unha comunidade francófona e máis unha comunidade anglófona.
montrèal é cidade biligüe porque acolle catro universidades, dúas francesas e dúas inglesas.
montrèal é cidade bilingüe polo feito de ser cidade do quebec na mesma fronteira con ontario.
vénme unha soa conclusión de toda esta perorata.
bilingüismo ≠ galicia bilingüe
na miña opinión había que lle cambiar o nome a galicia bilingüe porque leva a confusión. evoca conceptos e realidades que non representa. mais quizais tamén había que lle cambia-lo nome ao nacionalismo, xa que esta palabra evoca conceptos e realidades que no que coñecemos como nacionalismo galego non existen.